domingo, 6 de abril de 2025

PROXECTO DE MOBILIDADE
E ESPAZOS COMÚNS

Todos sabemos que existe unha grande diversidade de actividades humanas mutables e relacionadas cos procesos vitais que teñen lugar nos espazos que habitamos.

Pero...

Cal é o significado de habitar?

Habitar, en esencia, significa acoutar os procesos vitais nun espazo en nun tempo.

A diferentes escalas e tendo en conta a traxectoria da accesibilidade, as actividades de grupo e as individuais son realizadas en lugares localizados no espazo e, por tanto, necesitan do desprazamento e da estancia.

O desprazamento e a estancia transcorren no tempo e relacionan a mobilidade cos usos do espazo.

Este espazo pode ser apropiado e administrado, tanto polo indivíduo como polo grupo de xeito diverso (idades,

colectivos) dando lugar ás diferentes categorías do mesmo.

Os seres humanos temos necesidades derivadas das funcións vitais e procuramos a satisfacción das mesmas a través das actividades que desenvolvemos no medio habitable.

Colleitamos alimento na terra e no mar, transformamos a materia e comerciamos os excedentes, procuramos vestido e habitación, socializamos con outros individuos para procrear ou compartir as tarefas, celebramos o lecer ou as crenzas, formamos parte dos procesos da vida.

Podemos acceder e usar en común ou individualmente tanto os espazos como os bens, e estes poder ter xeralmente un dominio público ou un dominio privado.

O problema fundamental para establecer estas categorías é o procedemento empregado para obter o dominio público e o privado, porque afecta á administración do ben ou do espazo.

A administración pública, nos seus diferentes niveis, tenta resolver os conflitos resultantes das necesidades derivadas do uso e mantemento dos bens e do espazo.

E algunhas veces, apelando á memoria e a creatividade, consegue compatibilizar e harmonizar os diversos intereses relacionados co deseño do entorno habitable. Por exemplo, é capaz de realizar unha concentración parcelaria virtual do minifundio no momento da sementeira, labrando a agra por completo e tirar a liña para cravar as canas entre os marcos das leiras ao rematar.

Esta toma de decisións é estratéxica e pasa por permitir que teñan cabida os usos e actividades que configuren o valor do espazo como elemento dinamizador da vida en sociedade.

No caso do territorio que nos ocupa, pertencente ao concello de Cangas, debemos destacar as seguintes particularidades existentes referidas ao potencial de desenvolvemento:

1) A auga, no borde marítimo e nas cuncas dos ríos.

2) O patrimonio material e inmaterial.

3) A actividade social.

Unha vez dito isto, vamos concretar as liñas de intervención sobre estas particularidades que consideramos necesarias pero que non se teñen realizado ate o de agora.

A REALIDADE ACTUAL.

Para a consulta das mutacións ocorren no territorio podemos visualizar a fotografía aérea, tanto a histórica como a actual.

http://www.ign.es/iberpix2/visor/

http://www.ign.es/web/comparador_pnoa/index.html

http://centrodedescargas.cnig.es/CentroDescargas/index.jsp

Os condicionantes de partida amosan os elementos que temos que valorar e tamén as carencias que debemos considerar na estratexia de actuación sobre os bens e espazos:

a) A existencia dun documento urbanístico, vixente dende o ano 1994, sen adaptar á nova legalidade e que non se ten xestionado na súa totalidade no referente á mobilidade das persoas e á creación do espazo público.

b) As diferentes tentativas de redactar o PXOM e aprobar a modificación da normativa urbanística.

c) A implantación neste proceso de cambios dunha importante infraestrutura viaria no territorio da comarca,

nomeadamente o Corredor do Morrazo e as implicacións derivadas da mesma.

d) O déficit de zonas de aparcadoiros públicos e privados no concello de Cangas.

e) A precariedade do transporte público no referente a percorridos e ás frecuencias de paso para resolver de xeito adecuado a mobilidade das persoas.

f) A falta de conservación do patrimonio arquitectónico industrial na franxa de protección das cuncas dos ríos ou na liña de costa, en particular no referido ós muíños de auga e ás industrias da pesca como pode ser o complexo de Massó ou e industrias de salgado en proceso de deterioro.

g) A falta de xestión e promoción adecuada dos xacementos arqueolóxicos do concello.

h) A rotura das conexións no ámbito da liña fouce de Cangas debido á presencia de instalacións industriais e outras similares, tal como Frigoríficos do Morrazo e diversas concesións no dominio do litoral.

i) A promoción do patrimonio arquitectónico privado dos núcleos históricos do concello e dos conxuntos monumentais das parroquias.

j) A valoración axeitada dos lugares para o deporte e o lecer como poden ser os pavillóns dos centros educativos, o pavillón do Gatañal, as pistas polideportivas de Verín ou o campo de fútbol do Alondras.

k) A existencia de lugares de reunión nas diferentes parroquias que necesitan ser optimizados ou ampliados para que poidan dinamizar á poboación.

l) O potencial derivado da conservación, uso e aproveitamento do medio natural do concello, en particular das praias e dos espazos naturais protexidos.

Plano das NNSS

http://www.planeamentourbanstico.xunta.es/siotuga/inventario.php

A ESTRATEXIA.

A estratexia de actuación pode ser organizada en tres liñas temáticas de atractivo social que afectan á mobilidade e ós espazos públicos:

Valor natural.

O desfrute da fronte marítima e das cuncas dos ríos ou dos espazos naturais protexidos a través de rutas dun sendeirismo amable e intelixente en relación co coñecemento do medio a protexer ou da promoción do lecer a carón da auga.

Valor construído.

A recuperación e conservación da arquitectura en xeral, e en particular a industrial da moenda ou da transformación dos produtos do mar, na que os muíños de auga e as fábricas de salgado constitúen o elemento máis salientable.

Valor inmaterial.

A posta en valor da etnografía popular, tanto nas manifestacións profanas como nas de tipo relixioso. Por exemplo a festa do muiño de Fausto, a semana do teatro MITCFC, a semana do cine, a Bienal de Arte do Morrazo BAM, a Semana do Cómic, as festas populares nas parroquias, a Semana do Jazz, a Defensa da Vila de 1617, as Festas do Cristo, a Romaría de Darbo, o Entroido do Hio ou a Semana Santa de Cangas.

PROPOSTAS DE ACTUACIÓN

A) Mobilidade e desprazamentos.

Xestionar e desenvolver as vías de circunvalación do núcleo urbano de Cangas para controlar o tráfico rodado e facer o espazo de estancia urbano máis amable.

Crear zonas de aparcadoiro públicas e privadas soterrados ou de superficie no punto final do corredor do Morrazo pertencente á parroquia de Aldán, no entorno das vías de circunvalación e na fronte marítima do concello de Cangas entre Punta Rodeira, centro urbano de Cangas (soterrado baixo os xardíns) e Punta Balea (soterrado no entorno do antigo campo de fútbol de Massó), sen esquecer en especial as praias e outros puntos de atracción da poboación como poden ser os adros dos templos parroquiais, os centros cívicos ou as zonas deportivas e escolares.

Potenciar a posta en marcha dun transporte público con deseño de traxecto circular de alta frecuencia para dar servizo á poboación dos barrios das diversas parroquias, en particular das persoas maiores e a da xuventude fomentando a interacción entre xeracións.

Crear aparcamentos disuasorios con parada de buses lanzadeiras para o acceso ás múltiples praias en puntos determinados, como pode ser a rotonda final do corredor en Aldán.

Xestionar peiraos para novas rotas marítimas de Vigo a Nerga na parroquia do Hio.

Promover e xestionar a liberación da liña da costa para dar continuidade á senda peonil dende o concello de Moaña ao concello de Bueu.

Potenciar os roteiros das cuncas dos ríos do concello e o carril para as bicicletas nos núcleos rurais.

Rota da Moenda.

Muíños do Río Bouzós.

https://www.google.com/maps/d/viewer?mid=1ptEWDBCao89EPZnsPZMLgjsWLRs&ll=42.27746835043187%2C-8.775636719311478&z=14&fbclid=IwAR1cm0fmlYYvf1WL8rGEwnRZGS08vz84nOTrlWK6IvnF4XJUE2L69QqIgDU

Recuperar a Memoria Histórica do Rural nas parroquias do Concello, no referente á medida da parcela en ferrados, a toponimia dos lugares e camiños, o historial de nomes das rúas ou ó antigo trazado dos regos da Xunta de Augas, ou das fontes e lavadoiros como lugares de reunión e realizar unha Guía Verde coa catalogación e localización de especies vexetais dos nosos ríos e montes.

Manter a medida da superficie en ferrados como referencia agrícola das parcelas edificables na redacción do PXOM, tal e como o fai na normativa urbanística vixente no concello de Cangas.

O ferrado de superficie na comarca do Morrazo.

Elaboración, segundo o Catastro do Marqués da Enseada.

Fomentar os usos agrícolas e o comercio de produtos de tempada de agricultura sostible procedentes das parroquias do noso concello ofertando incentivos ou exencións para a venda no mercado municipal.

B) Estancias e espazos públicos.

Potenciar o areal de Rodeira e recuperar dalgún xeito o antigo areal do núcleo urbano de Cangas e manter ou traballar na potencialidade das bandeiras azuis nos nosos areeiros e nos espazos naturais.

Proxectar integralmente o deseño urbano de futuro que podemos denominar “A Fouce”, para crear un gran espazo público lineal de ocio e lecer entre Punta Rodeira e Punta Balea que pase por restaurar a funcionalidade dos peiraos da fronte marítima de toda a fouce, soterrando o tráfico e os aparcadoiros do litoral para dar entidade a unha senda peonil que conecte todas as zonas de recheo da enseada de Cangas xunto cun desenvolvendo dun plan para todo a fronte marítima da fouce, en particular para o conxunto de Massó, onde poder localizar usos hoteleiros, hostaleiros, comerciais, artesanais, deportivos e culturais de acceso libre para uso e desfrute público, reabrindo definitivamente Cangas ao Mar e conectando urbanisticamente co mar as parroquias de Coiro, Cangas e Darbo.

Proxectar integralmente as zonas inmediatas ós peiraos e praias na fronte marítima da enseada de Aldán que afecta ás parroquias de Hío e Aldán.

Proxectar integralmente núcleos rurais, monte, peiraos e praias na fronte marítima da costa do Hio, dende Darbo ata Aldán, baseado no atractivo da paisaxe dende o mar.

Promover a “Rota da Moenda” como un plan integral de restauración arquitectónica e recuperación do entorno dos muíños de auga das parroquias do concello de Cangas, tal como no muiño de Fausto, aproveitando as zonas de protección de cuncas fluviais e integrando usos compatibles coa moenda, tal como os de xeración de enerxía, puntos de interpretación ou servizos de hostalaría relacionados coa degustación e venda de produtos do agro.

Promover á recuperación da arquitectura da conserva do peixe e en particular a do complexo edificado de Massó e do existente en toda a costa do concello de Cangas, aproveitando as zonas de protección litoral e integrando usos compatibles.

Promover e incluír o catálogo de arquitectura industrial de Cangas nos roteiros da ERIH (European Route of Industrial Heritage).

https://www.erih.net

Promover a posta en valor dos xacementos arqueolóxicos do concello, creando puntos de interpretación nas parroquias.

Xestionar solo para equipamentos nos núcleos rurais e zonas de praia.

https://cangas.gal/turismo/praias/gl

C) Cultura.

Potenciar o entorno e os equipamentos onde teñan lugar as manifestacións populares tal como o entroido, as romarías, os furanchos ou as festas gastronómicas e os eventos deportivos que permitan estimular a autonomía e a vida nas zonas rurais e urbanas.

Recuperar oficios tradicionais e organizar eventos para promover a creatividade e o emprego, dinamizando o mundo rural.

PROPOSTA DE RECUPERACIÓN DO CONXUNTO DE MASSÓ

A parcela de Massó ten unha superficie de 197400m2 e o conxunto edificado de grande valor referencial no eido da arquitectura industrial e tamén para a cidadanía, pero hoxe é case unha ruína debido á falta de xestión, polo que urxe unha solución inmediata por parte da Administración.

Para consultas sobre sostibilidade consultar a Lei 2/2016 do 2 febreiro do solo de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160219/AnuncioC3B0-150216-0001_es.html

Como antecedente desta situación, existe un Convenio firmado entre o CONCELLO DE CANGAS e CONSERVAS E FRIGORÍFICOS DEL MORRAZO, S.A. representado por D. José Barreiro Hermelo, para resolver a ordenación da antiga Finca Massó, como zona residencial, e xestionar a recuperación para o Concello de edificios singulares desta finca para albergar dotacións públicas. Esta intervención estratéxica estaba incluída no PXOM de 2004 que foi anulado e que sempre ten estado presente nos documentos redactados pero nunca se da aprobado pola Administración, de tal maneira que a memoria histórica e o ben material que a cidadanía esixe conservar, realmente está a desaparecer por neglixencia dos representantes da cidadanía, é xa é hora de traballar.

Para salientar o seu valor, podemos mencionar un recente e interesante traballo descritivo e de análise da cuestión que se pode consultar na seguinte ligazón:

http://oa.upm.es/47082/

“Arquitectura y dibujo: la fábrica de Massó de Cangas de Morrazo”. Visiers Salinas, María (2017)

As intervencións sobre o territorio poden ser diversas, como por exemplo a que aparece nesta ligazón:

http://fundacion.arquia.es/es/concursos/proxima/ProximaRealizacion/FichaDetalle?idrealizacion=2352&idparticipacion=8381

Os proxectos de intervención que cheguen a facerse, deberían ter presente o obxectivo de manter, por un lado a identidade social e arquitectónica en conxunto cos valores ambientais do entorno, pero tamén ter en conta o aproveitamento lucrativo que segundo a Lei 2/2016 do 8 febreiro do solo de Galicia é de 1,00m2/m2 para lograr un desenvolvemento sostible integrado no ámbito de actuación.

A proposta real consiste, simplemente, en desenvolver e resolver de maneira urxente, un Convenio Urbanístico Definitivo, en consenso coa Propiedade e coa cidadanía e aprobar a curto prazo o PXOM para un solo urbano non consolidado, tendo en conta o que segue:

- Levantamento inmediato dos planos do estado actual dos edificios do conxunto vaian a ser conservados ou demolidos.

- Conservación e rehabilitación inmediata de todos os volumes edificados, ramplas e peiraos existentes na actualidade.

- Propostas de localización das zonas de cesión para o sistema de espazos libres, por exemplo, no entorno da lagoa da Congorza.

- Eliminación da plantación de eucalipto.

- Realización dun gran aparcadoiro soterrado debaixo do campo de fútbol.

- Establecemento de usos residenciais en diversas categorías para concretar o aproveitamento lucrativo da zona e de usos compatibles para as edificacións principais e anexas existentes do complexo de Massó, tal como artesanía, locais de traballo colaborativo, comercial, hostaleiro, educación, reunión ou de espectáculos.

- Reserva de parte da edificabilidade para o comercio ou empresas de ámbito local.

- Inclusión do complexo de Massó no catálogo de roteiros da ERIH.

Cálculo da edificabilidade para saber do que falamos.

Vamos facer unha estimación para solo urbano non consolidado segundo o convenio inicial (0,80m2/m2) ou en base ao que permite a lei do solo actual (1,00m2/m2).

Superficie da parcela de Massó 197400m2

a) Edificabilidade dos edificios existentes.

01 Nave da fábrica principal 2x17156m2

02 Nave almacén 2x3073m2

03 Gardería 90m2

04 Edificación da conserveira inicial 2x2052m2

05 Nave da baleeira 2470m2

06 Edificación do Salgueirón A 897m2

07 Edificación do Salgueirón B 2523m2

08 Hotel 3x467m2

09 Casas 340m2

10 Cocheiras 410m2

Total edificación do conxunto 58693m2

b) Espazos libres 18m2/100m2.

Total 35532m2

c) Viario estimado 10000m2

d) Aparcadoiros públicos 1praza/200m2

Total 987 prazas de superficie 2,5x5=12,5m2

e) Equipamentos públicos 10m2/100m2

Total 13953m2

f) Edificabilidade parcela 0,8m2/m2

Aproveitamento lucrativo 151868m2

Resulta unha edificabilidade de 121495m2

A edificación residencial nova prevista é de 60000m2 aproximadamente.

Tipoloxía estimada de B+4+BC 6x10000m2

Ancho estimado de 25m

Largo estimado 400m

Serían 5 bloques de 80x25